Amosando publicacións coa etiqueta Lois Pereiro. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Lois Pereiro. Amosar todas as publicacións

luns, 30 de maio de 2022

Lois Pereiro


 

Outro poema de amor

 El xa non sentía nada alí deitado
e ela tampouco ao velo.
Preguntouse se o amara algunha vez
mentres vía o seu sangue a caer na alfombra
que ela, sempre ela, tería que limpar
cando o levasen.

Pregúntome cando

 A forza é sempre a mesma en corpo alleo
e a doenza mortal a que preciso
para amarte de lonxe
mentres poida.
Xa non podo ver nada ó meu redor
que signifique máis que a miña sombra
En soño defininme coma unha aparición
que se abre as veas en público
sentindo diante miña
un firme e invisible
punto final
no aire.

Curiosidade

Saber que está un á morte
e o corpo é unha paisaxe de batalla:
unha carnicería no cerebro.

¿Permitirías ti, amor deserto,
que nesta febre impenitente abrise
a derradeira porta e pechase
detrás miña, sonámbulo e impasible,
ou porías o pé
entre ela e o destino?

If I die before I wake...


O pasado apodrece baixo terra
e o presente non flúe,
é un río morto.

Pero esta vez non haberá resurrección
e o futuro é por forza alleo a min.

A ti, única desde por e para sempre

A Ti, única desde por e para sempre,
fagas o que fagas, ou esteas onde esteas

para Ela, que me reanudou sen dor entre
poemas; todo o que podo e que aínda teño

por Ela, Ela e Ela,
á miña beira sempre, e eu nelas

e a todas Elas, as que foron, son e serán
obxecto e causa
deste amor que resucita ilimitado

Acróstico

 Somentes
intentaba conseguir
deixar na terra
algo de min que me sobrevivise

sabendo que debería ter sabido
impedirme a min mesmo
descubrir que só fun un interludio
atroz entre dous mundos de silencio

só puiden evitar vivindo á sombra
inocularlle para sempre a quen amaba
doses letais do amor que envelenaba
a súa alma cunha dor eterna

sustituíndo o desexo polo exilio
iniciei a viaxe sen retorno
deixándome levar sen resistencia
ó fondo dunha interna
aniquilación chea de nostalxia

 

Namorado outra vez
do amor que levo dentro
a sede enfurecida dun futuro
esgotou as miñas alternativas
levándome dereito cara ó impacto:
un proxectil conxelado no aire
a poucos metros dun corazón frío
e agardo o menor signo de calor
para abrir a súa pel e entrar no sangue
vencido pola forza do desexo
cegamente e sen medo
ó posible desastre. 

 

Tristemente convivo coa túa ausencia

 Tristemente convivo coa túa ausencia

sobrevivo á distancia que nos nega
mentres bordeo a fronteira entre dous mundos
sen decidir cal deles pode darme
a calma que me esixo para amarte
sen sufrir pola túa indiferencia
á miña retirada preventiva
dunha batalla que xa sei perdida
resolto a non entrar xamais en ti
pero non á tortura de evitarte.