domingo, 8 de maio de 2022

"A terra faise en ti", Manuel María

 

 



A terra faise en ti

Saleta, sotileza,

chama apaixonada

e transparente,

levidade de neve,

torrente e forza

de seiva poderosa,

música de vento

entre abelairas,

raio máxio de lua,

murmurio de regueiro,

flor de cerdeira

ou pinga de orballo

emocionada, tremando

sobor do pálido rubor

da rosa namorada.

"A fala", Manuel María

 


 

O idioma é a chave

coa que abrimos o mundo:

o salouco máis feble,

o pesar máis profundo.


O idioma é a vida,

o coitelo da dor,

o murmurio do vento,

a palabra de amor.


O idioma é o tempo,

é a voz dos avós

e ese breve ronsel

que deixaremos nós.


O idioma é un herdo,

patrimonio do pobo,

maxicamente vello,

eternamente novo.


O idioma é a patria,

a esencia máis nosa,

a creación común

meirande e poderosa.


 

O idioma é a forza

que nos xungue e sostén.

¡Se perdemos a fala

non seremos ninguén!


O idioma é o amor,

o latexo, a verdade,

a fonte da que agroma

a máis forte irmandade.


Renunciar ao idioma

é ser mudo e morrer.

¡Precisamos a lingua

se queremos vencer!


"Todo canto amei perdéuseme contigo" (Avilés de Taramancos)

Todo canto eu amei perdéuseme contigo:

a luz clara e vibrante da miña xuventude,

os bosques entrañables perfeitos de quietude

onde o vento vivía con un lecer antigo.


Entón era o silencio o meu mellor amigo,

era eu namorado de todo canto vía

vivir era unha leda, fermosa moradía

onde o mencer entraba recendendo a prantigo.


De súpeto viñeches con esa lonxanía,

caraveliño feble en terra ventureira

e eu abrín outra nova fiestra para o día.


E todo canto amei foi unha lumieira,

foi a fouce tan íntima que de cote se afía

para ceifar dun pulo brutal a primaveira.