Etiquetas
- "A esmorga"
- Agustín Fernández Paz
- Ana Romaní
- Antía Otero
- Ánxel Fole Samaín
- As nosas curtas!
- Avilés de Taramancos
- Bernardino Graña Amor
- Blanco Amor
- Booktrailers
- Cantiga de amigo Literatura medieval
- Casares
- Castelao
- Corredores de sombras
- Cunqueiro
- Dieste Samaín
- Ferrín
- Ferrín Idioma
- Florencio Delgado Gurrierán
- Gatipedro
- Haiku
- Infantil
- Lois Pereiro
- Manuel María
- Manuel María Amor
- Manuel María Idioma Lingua
- Microrrelato
- Miguel Anxo Murado
- Miguel Anxo Murado Samaín
- Neira Vilas
- Olga Novo
- Otero Pedrayo "Os camiños da vida"
- Pilar Pallarés
- Podcast Agustín Fernández Paz Aire negro
- Podcast Andrea Maceiras O que sei do silencio
- Revista literaria
- Risco O porco de pé
- Risco Samaín
- Ronseltz
- Rosalía de Castro
- Rosalía de Castro videopoemas
- Samaín
- Sechu Sende
- Suso de Toro
- Uxío Novoneyra
- videopoemas
- Videopoemas guerra Ucraína
- Xohana Torres Mai
- Yolanda Castaño
xoves, 16 de febreiro de 2023
"Os camiños da vida", Otero Pedrayo; A Ramoniña
Xa facía tempo que a Ramoniña tiña chorado tódalas bágoas de nena. Agora, isolada, lonxe da irmá, á fronte da casa deserta, sentiu medo e noxo. Voltaban da misa ó par dela algunhas mulleres: “Miña señoritiña, non ten frío con tan pouca roupa?”. Ollade á señorita, que pulsos tan fortes ten, podería vencer un mozo na loita, se fora cousa digna da súa nacencia”. Ela ben se decataba das intenciós das veciñas. Ben sabían que nin cartos para se vestir, nin amores para ela, tiña no pazo. Unha probe do fondo da parroquia díxolle con moito misterio, cunha admiración no acento e un pouco de lástima ou de ironía: “¡Se vira o fatelo novo que lle veu onte á Bibina da Burata! Con el vai figurar mesmamente unha Nosa Señora”. Aquil domingo a fidalga apenas tiña que comer. ¡U-las pitas! Como non había porta no portal fuxían, ¡e quen as pillaba! Xa se sabía onde paraban: na casa da Burata. Levaban o camiño de tódalas cousas da casa. As millores mazás, maxeza das alaceas pra aló foron. Na gabeta, nin un triste chavo. A Ramoniña sentía frío na sala. Baixou á horta para coller unhas legumanzas. Polo menos un caldiño; pra ela e o rapaz das vacas.[...] Ó rubir da horta, aterecida, parou un instantiño na solaina; os bacelos cubrían docemente os poucos balaústres que estaban en pé. Tamén o balcón se esborrallaba.[...] Figurábase o vivir da Rosalía. Agora sairían da misa, postas de manteleta, as señoras dos oficiás; agardáballes a casiña limpa[...] Matinando nisto, lembrouse do sobriño. ¡Aínda non o vira e xa o amaba! De ningunha maneira debería saber a vida do avó. ¡Pobriño! Entón cavilando no porvir, unha resolución forte endereitoulle o esprito. O seu deber era estar na casa. Defendela. Gardala pró sobriño. Soilo axiña tivo forzas dabondo para escoitar o balbordo que viña da casa da Burata. […] Saíu ó curro. Ás vacas podíanselle contar os ósos. “Miña ama-dicía o pastor-, as chaves da palleira tenas o señor, e os rapaces de acolá pastorean en tódolos comareiros da casa!”. A Ramonciña, destrozada, sentía xermolar un xenio adoecido. Medraba o balbordo na casa de “Acolá”. Alí comíase e bebíase, emporcallando a vellez e os bes do seu pai. [...]Polos barrotes da fiestra, ó cabo do pomar espido, adiviñábanse nas tebras o montón da casa dos Doncos. “Alí tamén van para abaixo”. [...]¡Que vergoña se a ollasen chorando…! [...]Xa era noite pecha. Viña da Burata un cantar valente da gaita. Non o puido sufrir a Ramonciña. Aquela gaita contaba a toda a parroquia o trunfo da casa da Burata, e para ela, a herdeira, a pobreza. [...]Cuáseque sin pensalo atopouse na noite diante da porta da Bibiana. […] Don Xosé María, no sillote, quentaba as pernas na lapa, erguendo un xerro pintado. Debruzada riba do ombreiro tiña á Bibiana, roxa, farta, celebrando con risada tola un dito do fidalgo. Don Xosé María ó ollar a filla púxose en pé: tremábanlle as pernas e a faciana adqueriu unha súpeta dignidade. [...]A Ramonciña soilo falou: “Meu pai, veño a que me dea algo de xantar. Na casa morro coa fame e co frío!”. […] O fidalgo, volto de costas á xente, envolveu a filla nos pregues do tabardo: “¡Imos, Ramonciña, para a casa! Tes razón. Son horas!”. Cando entraron na viña da casa, esvarando na xiada, apegou a súa faciana á faciana da filla e estralou nun salouco, tan longo, que a Ramoniña tivo medo e pensou espaventada: “Veño de matar ó meu pai!”. Os camiños da vida, Otero Pedrayo